martes, 17 de junio de 2008

Un ano de parálise municipal

Cúmprese agora un ano das eleccións municipais do 2007 e o goberno do PP no Pereiro de Aguiar segue paralizado, ou no mellor dos casos reaccionando ante as iniciativas que presenta a oposición.

Reproducimos de seguido unha nota de prensa do PSdeG-PSOE.

OS SOCIALISTAS INSTAN AO ALCALDE DE PEREIRO DE AGUIAR A QUE FAGA PÚBLICO O PLAN DE ABASTECEMENTO E SANEAMENTO MUNICIPAL QUE DI QUE XA ESTÁ FEITO
  • César Grande asegura que no que vai de lexislatura o Partido Socialista presentou máis iniciativas de futuro que o grupo de Goberno.
  • Os socialistas esperan que no Pleno o PP cambie o sentido do seu voto e aprobar así a elaboración dun plan de conservación de zonas verdes e dun programa de actividades de verán.
  • O PSdeG-PSOE demanda a redacción dun Plan de Aforro Enerxético.
Pereiro de Aguiar, 18 de xuño de 2008. O portavoz socialista de Pereiro de Aguiar, César Grande, replica ao tenente de alcalde do Partido Popular, Manuel Doval, afirmando que “o Partido Socialista leva presentado máis iniciativas en prol do futuro do municipio que o grupo de Goberno” a quen acusa de “traballar sen planificación”.

Grande denuncia que “o único que fixo o Goberno Local neste primeiro ano de lexislatura foi tratar de confundir aos veciños e veciñas de Pereiro acusando ao Partido Socialista de non facer nada produtivo e de futuro polo concello. Durante este tempo os membros do grupo socialista non nos centramos só en controlar a acción do Goberno como é a nosa obriga, senón que tamén presentamos numerosas mocións construtivas reclamando unha mellor prestación dos servizos públicos”.

Para o pleno que se celebrará este mes de xuño, o PSdeG-PSOE de Pereiro presentou oito mocións das que só se admitiron para o seu debate en Pleno catro, sendo todas de carácter positivo e cuia aprobación axudaría a trazar un proxecto de futuro para o municipio.

Para o portavoz socialista resulta curioso que o Tenente de Alcalde faga este tipo de declaracións cando “o Partido Popular soe votar en contra das iniciativas construtivas que presentamos os grupos da oposición”.

O PP rexeita en Comisión Informativa a elaboración dun Plan de Conservación das zonas verdes.

Pereiro de Aguiar conta con numerosos recursos naturais que, segundo César Grande, “deberían recibir un coidado especial ademais, o municipio está experimentando un importante crecemento de poboación que fai que aparezan novos xardíns e zonas de recreo” polo que, dende o Partido Socialista demandan a elaboración dun Plan de Conservación, Mantemento e Limpeza dos xardíns e espazos de ocio de titularidade municipal.

Na Comisión Informativa de Emprego, Industria, Turismo e Medio Ambiente celebrada o pasado 13 xuño, esta moción dos socialistas foi rexeitada polo grupo de Goberno Local, “sen dar –explica o portavoz do PSdeG-PSOE- ningún tipo de argumento razoable. A falla de gañas de traballar polos veciños e a falla dun proxecto de futuro sólido fan que o Partido Popular vote en contra das mocións con explicacións vagas e peregrinas, obviando moitas das reclamacións dos veciños e veciñas de Pereiro”.

O alcalde minte sobre o Plan de Saneamento.

Os socialistas solicitan tamén a elaboración dun censo de depuradoras e puntos de verquidos sen depuración e un Plan de Saneamento e Abastecemento de augas, ao que en Comisión Informativa o Partido Popular votou en contra argumentando que xa está feito, algo que non creen os socialistas.

Para César Grande, “estamos ante unha nova mentira do alcalde. No que vai de lexislatura non é a primeira vez que pillamos ao señor Eliseo Fernández mentindo aos grupos da oposición. Se realmente o Concello de Pereiro de Aguiar ten un Plan de Abastecemento e Saneamento instamos oa alcalde a que o faga público no vindeiro pleno ordinario e, por suposto a que o cumpra”.

O PP desoe as demandas veciñais.

Outra das mocións de carácter construtivo presentada polo grupo municipal socialista para o vindeiro Pleno, é a que a referente a elaboración dun programa de actividades de verán nas piscinas situadas no concello.

Grande explica que “o concello de Pereiro está a medrar moi rápido polo que os veciños e veciñas están reclamando máis e mellores servizos. Estas demandas deben ser atendidas polo grupo de Goberno; entendemos que vivir nun núcleo pequeno non debe supoñer unha merma na calidade de vida. Por este motivo agora solicitamos que se elabore un programa de actividades acuáticas para levar a cabo durante a época estival nas piscinas situadas no concello. Estamos ante unha petición de moitos veciños e veciñas de Pereiro por iso nos sorprende o voto negativo do Partido Popular na Comisión Informativa.

Os socialistas non entenden como o PP vota en contra destas mocións construtivas cuia aprobación e posta en marcha “repercutiría positivamente en todos os veciños e veciñas de Pereiro de Aguiar e logo o tenente de alcalde ten “a desfachatez de acusarnos de non presentar propostas de futuro” e, fan un chamamento para que o grupo de Goberno cambie a orientación do seu voto no pleno.

O portavoz socialista espera que o Partido Popular vote a favor da moción na que se insta ao grupo de Goberno a elaborar un Plan de Aforro Enerxético referido ás instalacións dependentes das xestión municipal e solicitan a substitución progresiva dos vehículos actuais por outros que empreguen enerxías limas e sexan de baixo consumo.

0 comentarios:

Tu comentario será moderado la primera vez que lo hagas al igual que si incluyes enlaces. A partir de ahi no ser necesario si usas los mismos datos y mantienes la cordura. No se publicarán insultos, difamaciones o faltas de respeto hacia los lectores y comentaristas de este blog.