miércoles, 21 de mayo de 2008

O grupo socialista denuncia irregularidades nas contas do Concello de Pereiro




O grupo socialista do Concello de Pereiro de Aguiar presentou onte na Subdelegación do Goberno e na Delegación de Presidencia da Xunta de Galicia sendos informes de denuncia sobre presuntas irregularidades nas contas municipais. Polo visto, o Concello ten pagado obras privadas e instalacións en urbanizacións, comidas de traballadores da Deputación, pagou obras que están sen rematar,...

Para mostra algúns botóns:
  • O Concello pagou o repetidor da TDT na urbanización de Santa Marta que, evidentemente, só pode ser utilizado polos veciños desta urbanización.
  • En Melias construíronse aceiras con fondos procedentes da Unión Europea, a Deputación e o Concello, por un total de 137.000 euros, xa pagados sen que se cumprira o establecido no pliego de condicións: a empresa (que por estas casualidades da vida pertence a Benigno Álvarez, alcalde de Maside do PP), presentou un pliego no que ofrecía 36 meses de garantía e melloras por un total de 27.000 euros. No documento de recepción da obra por parte do Concello (que xa pagou a factura) só se menciona unha garantía de 12 meses e non hai rastro das melloras prometidas.
  • Os vestiarios e duchas da piscina da urbanización da Tapada das Bouzas foron construidos con fondos públicos, cando a esa piscina é privada e só teñen acceso os veciños da urbanización.
Todas estas posibles irregularidades sairon á luz cando os concelleiros do grupo socialista detectaron que lles fora pagado o dobre do que lles correspondía en concepto de asistencia a plenos e comisións. Despois de devolver a cantidade pagada de máis (o que non fora detectado polo Concello) pensaron que podería haber máis irregularidades e decidiron analizar en profundidade as contas.

Haberá que esperar a que o Tribunal de Contas dictamine se hai un uso indebido dos cartos públicos, pero o que xa non pode esperar é que nos Concellos do PP se abandone dunha vez por todas esta impresentable e vergoñenta costume de utilizar os fondos públicos con fins partidistas e electorais.

Máis información en La Región.